10 maio 2009

Camiño da abstención

Abstención é a palabra que mellor define o meu estado de ánimo, político, quero dicir. Xa o decidira prácticamente –revisen os meus posts anteriores e poderano confirmar- pero a preferencia da militancia do BNG despexou as mínimas dúbidas que me puideran quedar: a nova "xeira", no canto de afondar na moderación e nun discurso realista e atractivo, xira de novo arredor da “emancipación nacional” como así o expresou textualmente o novo Portavoz nacional no seu discurso de "investidura", nin máis nin menos.
Pese aos esforzos do inxustamente defenestrado Quintana, que, sobre o temón que deixara un Beiras moito máis centrado que agora, verdadeiro precursor dun BNG moderno e con imaxe de goberno –por moito que agora tente o suicidio colectivo-, tentou imaxinar un BNG que se afastara desa imaxe reactiva e antisistema, proxectando un partido progresista, aberto a diferentes sensibilidades, e que apostara por unha estratexia política realista, a militancia do BNG decidiu onte, sen paliativos, Galiza Ceibe e Poder Popular.
Acabou a pouca esperanza que quedaba. Acabou a ilusión -nunca mellor dito- dun BNG alonxado de maximalismos ideolóxicos, centrado nos problemas da cidadanía, da "traballadora" e da outra (seica que non todos traballamos na Galicia?); afastada desa nomenclatura ("frontismo", "interclasismo", "sobernismo" e demáis "ismos") que arrepía ao persoal; dun partido -sí, partido!- con solucións concretas fronte a crise, o modelo produtivo, a estrutura do mercado laboral, ben razoadas e moito mellor comunicadas. Acabou o soño dun partido progresista galego feito á medida dun pobo desafecto, sen líderes.
A cousa está tan clara, cae tanto polo seu propio peso, é tan obvio, houbo tantas análisis, que non ven ao caso seguir comentándoo. Só queda velos desfilar polo barranco: mentras, a terra quere pobo.

Sem comentários: