12 março 2009

Sumando ideas


Non sona mal o manifesto que unha facción, sección ou non-sei-ben-que do PSdeG ven de publicar na Internet recentemente; danse en chamar sumando ideas. De feito, as opinións ou iniciativas do PSOE na Galicia non sonan nunca mal. Bueno, coas contadas excepcións de xente coma Paco Vázquez ou Méndez Romeu. O problema é que, non sonando mal, tampouco sonan ben que se diga, é o de sempre, ren de ren, “nin chicha nin limoná”: haberá algunha persoa que teña lido o manifesto que sexa quen de me concretar cal é a proposta?

O texto está inzado de referencias benintencionadas, con chamadas a unha “serena pero profunda renovación das estruturas organizativas e do modelo de partido” que poida dar paso a un “socialismo galego” que penetre nas estructuras da sociedade galega. Moitos, coma min, reparando nesas liñas, e pensando nun modelo de partido socialdemócrata, moderno, galego e galeguista de seu, non dubidaríamos nin un segundo en asinar cousa tal e facer cola para saca-lo carné.

Mais, ao cabo, se seguimos lendo, o manifesto dirixe o foco á necesidade de reorientar ao partido cara un “socialismo e galeguismo” –todo, polo de agora, todo parece seguir polo camiño da corrección política habitual- que dea resposta ás necesidades -e aquí chega a reviravolta- dunha “Galicia […] sen divisións entre iguais nin imposicións e onde a nosa cultura sexa unha importante oportunidade de proxección exterior.

Semella que no texto confúndense conceptos como “sen divisións entre iguais”, “imposicións”, “a nosa cultura sexa unha oportunidade”, que conducen a unha deliberada ambiguedade e unha impune demagoxia que só pode explicarse desde unha crítica velada ao ex-socio que, desde a miña óptica, supón a confirmación do afastamento “táctico” do PSOE con respecto ao BNG, polo menos en temas de consenso xeral como sempre foron a lengua ou a educación. E confirma tamén canto de politizada e polarizada está a cuestión da lingua. E canto importante é, que causa tantas discusións.

Eu non digo nada: insistía noutra entrada anterior que aqueles que defendemos o galego, sen complexos, crendo na normalización, ou defendendo o famoso decreto, non podemos arrogarnos superioridade moral fronte aos outros. Respecto profundamente a aqueles que asumen un certo darwinismo linguístico apelando aos dereitos das persoas fronte as propias linguas, e non cren na discriminación positiva que, penso eu, necesita con urxencia o galego. Pero vai sendo hora de que os socialistas galegos asuman a sua responsabilidade e presenten un proxecto para o pais, nomeadamente para a lingua galega. Con claridade, sen ambiguidade, sen medos, con clareza. Non se pode aturar esta situación, que se iniciou na lexislatura, co “bi-goberno”, subiu de ton a finais do ano pasado, coa “levantada” do concurso eólico, e tivo funestas consecuncias na campaña electoral, co xirocopernicano de Touriño a unha semana da data electoral. É abondo. Digan a que están a xogar. Mais saiban que, de continuar este debate, tentando tirar réditos del, só significa asumir tácitamente os plantexamentos dos populares, abofé que ben explicitados na campaña, e, ao cabo, consolidar a dialéctica da vítima como verdugo que tanto rédito lle deu ao PP na campaña.

Sem comentários: