05 março 2009

Acéndense as alarmas

Nunha entrevista concedida á COPE, o presidente "in pectore" da Xunta, Alberto Nuñez Feijo09, asegura que “les preguntaremos a los padres en la matrícula del próximo curso en que idioma quieren que sus hijos estudien las materias troncales”. Para Nuñez Feijo09, esto non entra en contradicción coa política lingüística do futuro goberno do PP, que non deixará de “proteger y promover” o galego.

Eu pregunto: que pasa se resulta que unha porcentaxe só pequena de pais elixen o galego como lingua vehicular? Por suposto, nada se pode obxetar, se se da esa opción.

Outra: é libre esta elección cando unha das duas linguas é un idioma minoritario, minorizado, sen prestixio, inmerso nun contexto diglósico, sen presenza institucional, e discriminado en entornos de relevo social como a universidade ou a empresa? Aínda que sexa a ferramenta de comunicación cotiá de máis do 60% da poboación.

Agora que lembro: supón, xa que logo, un problema que un neno dea clases de matemáticas nunha das linguas oficiais da Comunidade galega? Cando se daban en castelán ninguén protestaba, que eu soubera.

E por último: a min nunca me gustou a Química; poderei solicitar que os meus nenos non reciban clases desta "subject"? Ou mellor, se as reciben, será posible entón que non lles expliquen a "química do carbono", que a min paréceme un rollo?
Vai ter razón o meu benquerido amigo Pardiñas, e vai resultar que os galegos queremos que a lingua aútóctona fique só para o Luar e para dar discursos o 25 de xullo en homenaxe a Castelao, Curros e Rosalía.

1 comentário:

Rubén Pardiñas disse...

Mentres a xente non demostre o contrario, esa é a triste conclusión. Á xente non lle importa demasiado o galego. Pero eu digo: algo estarán a facer algo mal os que adican todos os seus esforzos á promoción da lingua, especialmente dende a política.